quarta-feira, 23 de junho de 2010

166. ANXO ÁLVAREZ


“Campos de Espigas y Viento”
Acrílico s/ tela
79,5x59 cm
“Ameba”
Acrílico s/ lienzo
92x73,5 cm

Anxo Álvarez (Manuel Ángel Vivero Álvarez) é fillo de emigrantes galegos. Naceu en Montevideo (Uruguai) hai corenta e nove anos, pero reside e traballa en Ferrol e comarca dsnde hai case corenta; licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Nos anos 1987 e 1988 exerceu como fiscal interino dos antigos Xulgados de Distrito de Fene, Neda e Santa Marta de Ortigueira; desde principios dos anos noventa exerce a Avogacía en Galicia, con despacho propio. Forma parte da primeira promoción da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados de A Coruña e participou en case medio cento de cursos, seminarios e xornadas de formación xurídica. É Mediador Familiar, e pertence á Asociación Española de Avogados de Familia e á Asociación Española de Dereito Sanitario dedde hai uns quince anos. Foi creador e director da Gaceta Informativa do Colexio de Avogados de Ferrol e, durante un breve espazo de tempo, secretario do citado Colexio.

Escribiu e colaborou en diversos medios de comunicación e publicacións -La Voz de Galicia, Anuarios de La Voz de Galicia, Anuario de Edicións Embora, El Correo Gallego, El Faro de Vigo e Ondas Galicia- con artigos de información, de opinión e a elaboración de reportaxes e suplementos especiais, entre outras cuestións, sobre universidade, Unión Europea e deporte. Participou como poñente en conferencias de orientación universitaria.
En 1984 publicou o libro “Os Arrendamentos Rústicos en Galicia”, e no ano 1987 elaborou o capítulo dedicado á Universidade de Santiago de Compostela no libro titulado “Galicia, Raíz e Horizonte”, libro no que participaron, entre outros, González Laxe, Siro, Juan Ramón Díaz e José Luís Gómez.
Despois de compaxinar a súa formación xurídica coa súa colaboración como creador de contidos en varios medios de comunicación, dedicouse, íntegra e exclusivamente, durante anos, a consolidarse profesionalmente como xurista. Hai seis ou sete anos retomou a súa actividade pública, dando a coñecer as inquedanzas artísticas e culturais que tivo desde a xuventude.
O seu paso polos estudos de Enxeñería, a principios dos anos oitenta, e pola antiga Mestría Industrial, a mediados dos anos setenta, permitíronlle profundar no debuxo técnico e na transformación e tratamento de materiais. A súa paixón pola fotografía e pola arte en xeral, leváronlle a introducirse de cheo, primeiro, na fotografía de autor, e despois na escultura e na pintura de vangarda.
É un fervente defensor da fotografía como expresión artística e declárase admirador da sinceridade e sobriedade de Cartier Bresson, da desbordante imaxinación de Andy Warhol como artista plástico, do pop art en xeral, e da contundencia e conceptualismo de Chirino, Chillida e Oteiza e da mestría de Julio González; pero sente a mesma ledicia e respecto ao contemplar obras realistas ou de vangarda, as obras dos clásicos ou as das novas promesas da arte. Móvese no terreo do simbolismo e do conceptualismo abstracto
Utiliza a fotografía, e agora a escultura e a pintura, como un medio de expresar ideas, emocións, reflexións e sensacións. A composición, as novas tecnoloxías e un uso atrevido da perspectiva e dos materiais, sérvenlle para dar un aire provocador á súa obra. Coida que o importante é a creatividade mesma e o que se tenta transmitir, o seu valor intrínseco, non o medio artístico de expresión.
Obtivo o terceiro premio na VIII edición do Concurso de Fotografía Audasa, no ano 2009.
A súa fotografía utilizouse en decoración, escaparates, publicidade, edición de pósters, carteis, postais, discos, libros e prensa, incluso estivo presente en acontecementos como FITUR 2007 o a GRAN GALA DE GALICIA EN BARCELONA 2008 que se celebrou no Pazo de Congresos de Cataluña. As súas obras están presentes en institucións, empresas, domicilios particulares e en páxinas web.
Foi o responsable de fotografía en varias edicións dos eventos Equiocio e Spinnaker, fixo fotografía para a Asociación de Perruqueiros e Esteticistas de Ferrolterra, e foi o deseñador e director artístico dos stands que esta Asociación tivo na Feira Internacional de Mostras do Noroeste e en dúas edicións do Salón Nupcial de Branco que se celebraron en Ferrol.
Fai fotografía deportiva, paisaxística, de moda, social, e tivo ocasión de captar co seu obxectivo a personalidades do espectáculo, da cultura, e da vida política e social; pero o que máis o satisfai é a fotografía creativa e artística, xa sexa en branco e negro ou en color
É o autor da fotografía e dos textos dos calendarios “Ferrolterra 2007”, “Ferrolterra 2008” e Ferrolterra 2009”, e da fotografía da “Colección de postais” e das “Estampas de Semana Santa” editadas pola Imprenta Paramés de Ferrol.
É membro da Asociación de Fotógrafos Profesionais da Coruña (Integrada na Federación Española de Fotógrafos Profesionais), pertence á Sociedade Artística Ferrolán, á Sociedade de Artistas de Narón, foi xurado artístico en diversos concursos e mantén unha estreita relación con diversos artistas plásticos e escritores aos que admira e dos que intenta aprender día a día.
Foi o Director Técnico e Presidente do Xurado dos concurso de fotografía, “FERROL: UN PATRIMONIO PARA A HUMANIDADE”, edicións 2007, 2008 e 2009, “SPINNAKER 2007”, e “EQUIOCIO 2008”, que convocaron as Organizacións destes eventos en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Ferrol.
É o autor da escultura “SOLIDARIEDADE” colocada polo Concello de Ferrol na Praza de Ultramar de Ferrol en 2007. Obra de grandes dimensións e máis de vinte toneladas de peso, elaborada en granito, ferro e aceiro.
Fixo en 2008 a fotografía de Ferrol-Ortegal que aparece na portada en no interior da revista Enxebre que se editou con motivo da celebración da XXVI GRAN NOITE DE GALICIA EN BARCELONA organizada pola Enxebre Xuntanza do Percebe, e a fotografía das invitacións dos máis de mil convidados á cea gala na que se entregou o percebe de ouro e outras distincións.
Realizou vídeo-presentacións fotográficas de artistas plásticos, de moda, de perruquería, de Ferrol e comarca, do Racing de Ferrol e de do mundo do cabalo. O verán de 2008 realizou, en colaboración con preto de medio cento de motoristas unha montaxe fotográfica nunha curva da estrada que vai de Ferrol a Cedeira, a altura de Pantín, que serviu para obter unha imaxe iconográfica de apoio reivindicacións en materia de seguridade que mantén este colectivo; imaxe que foi a base dunha instalación fotográfica exposta na Galería de Arte do Concello de Burela. Recentemente participou no libro “Cociña con moito arte”, editado pola Sociedade Artística Ferrolá en beneficio da Cociña Económica desta cidade.
Exposicións:
• Permanente de fotografía en Sony Gallery Ferrol durante catro anos.
• Individual, fotografía, Equiocio. Ferrol, 2003.
• Individual, fotografía, Galideporte. Ferrol, 2003.
• Individual, fotografía, Feira de Mostras (FIMO). Ferrol, xullo 2004.
• Individual, Galería Porta Nova. Ferrol, outubro 2004.
• Videopresentación fotográfica sobre o Racing de Ferrol. Centro Cultural Torrente Ballester. Ferrol, 2005.
• Colectiva, fotografía, Fundación Caixa Galicia. A Coruña, marzo 2006.
• Individual, fotografía, VI Salón Nupcial de Branco. Ferrol, 2006.
• Individual, fotografía, Equiocio. Ferrol, 2006.
• Individual, fotografía, Galería Be I truht. Ferrol, xullo-agosto 2006.
• Colectiva, escultura, Ferrol, Spinnaker 2006 (Galería Be I truth).
• Colectiva , fotografía, Galería Sargadelos de Ferrol. Marzo 2007
• Individual, fotografía e escultura, Galería Be I truht. Ferrol, xullo-agosto 2006.
• Colectiva, fotografía e escultura, Galería Be I truht. Ferrol, setembro 2006.
• Colectiva, escultura e pintura, Asociación Artistas de Narón. Hotel Husa Odeón de Narón, decembro 2006-xaneiro 2007.
• Individual, fotografía, VII Salón Nupcial de Branco. Ferrol, 2007.
• Fotografía, Equiocio 2007.
• Colectiva, pintura. Sala de exposicións do Real Corro Toxos e Froles. Ferrol, 2007.
• Colectiva, escultura, Exposición de Artistas Ferroláns Homenaxe a Jenaro P. Villaamil. Casino de Ferrol, marzo 2007.
• Individual, fotografía e escultura no Hotel Husa Odeón de Narón, marzo-xullo 2007.
• Colectiva, fotografía e escultura, Ferrol, Spinnaker 2007.
• Colectiva, pintura. Ateneo de Ferrol, decembro 2007-xaneiro 2008.
• Individual, fotografía, pintura e escultura. Sede do Real Coro Toxos e Froles. Ferrol, marzo 2008.
• Colectiva, pintura. Sede do Real Coro Toxos e Froles. Ferrol, 2008.
• Sesión de Video-Art. Organizado pola SAF, Ferrol, 2008.
• Individual, pintura, escultura e fotografí. Galería de Arte do Concello de Burela, do 27 de setembro ó 17 de outubro de 2008.
• Colectiva, pintura. Ateneo de Ferrol, decembro 2008-xaneiro 2009.
• Colectiva, fotografía. Galería Sargadelos de Ferrol, marzo de 2009.
• Individual, fotografía, Expoclásicos, Fimo Ferrol, mayo 2009.
• Colectiva, “A Música na Piintura”. Organizada pola SAF na sala de exposicións do Real Coro Toxos e Froles. Ferrol, novembro 2009.
• Escultura, Spinnaker, agosto 2009.
• Colectiva, pintura. Ateneo de Ferrol, decembro 2009-xaneiro 2010.
Ferrol, abril de 2010

Sem comentários:

Enviar um comentário

Etiquetas